mércores, 11 de marzo de 2009

Poema de Ardeiro, carnavaleiro que foi , adicado ó noso Val

BARCALA

Nas tardes, adormécese o Val,
baixo unha tona de suavísima prata.
E cando os últimos símbolos do día,
cando desembocan en nós superficies de escumas,
pobóanse os locais do ocio e da concordia,
que se inundan de palabras e luz
sob un teito irreal de lenzos brancos.

A harmonía invade a noite coma un bálsamo,
coma in sentir interno, de sabor misterioso...

Fora, voa o perfume de floresta nun ar decadente
da luz, que aproxima aos seres, que arreda a desolación
das hora húmidas.

As noites, a calor do viño, o sabor seu que conforta
esbarando en cada padal , escorregando verbas,
voces coutadas, fértil saudade das derrotas,
un cerimonial escurecido en cada noite, e que lindo
na solemne hora dos encontros...

Hai un alumiado calor de mostradores,
familiares olores coñecidos,
fragantes mornuras illadas, tan preciadas
na súa propia esencia terreal que nos invade.

Solar antigo e duro
de pedra e de fervor queimando o tempo,
transparente paraíso vexetal de craros e de sombras...

Aboian os outonos melancónicos, portadores de noite,
os xaneiros de entalados líquidos que se apretan amantes
contra a áspera terra xenerosa,
os veráns que firen as olladas coa luz
de desdebuxados soles nas quenturas estivais
e ofrecen noites recendentes a fiuncho e nostaxias.

Amamos isa esencia que con nós vai no tempo,
ise espacio gardado nas lentes da memoria,
e o pouso azul da terra que nos trae a soedade,
a paisaxe infinita de sonidos secretos.

Voltarán a nacer, coma as augas e as nubes,
lamacentas horas de noite e de tristura.
Viviremos días de sal e abatemento,
escuros fumes de tardes poeirentas,
que en seducción perversa nos depara
a caixa negra e xelada dos designios.

E unha vez máis sobreviviremos,
camiñando vieiros e ámbitos hostís,
baixo areales de cinza e intemperie,
convidándonos ao lume da concordia,
deixándonos levar por lúas tímidas
de craridade lene, concencia e terra verde.

Viviremos máxicas memorias de sorte consignada
navegando sobre o río do destino.


A Juan, Suso, Caamaño, Tino, Alfonso, Santiago,
José, Víctor, Villar, Costa, Chucho, Ángel,
"Casa Salvador", "Val de Barcala",
e algún máis que se me esquecerá...

(VERSOS DE AUSENCIA E DESAGRAVIO,2005)

Ningún comentario:

Publicar un comentario