venres, 18 de febreiro de 2011

A Asociación veciñal "A Barcalesa" recorda a Juan Varela no medio ano do seu pasamento

6 MESES SEN TI, A JUAN VARELA AREOSO


Ninguén coma ti contará xamais as historias das xentes de Barcala, ninguén saberá encandilar a xeracións e xeracións coas anécdotas do noso pobo, ninguén amará coma ti a nosa terra, a nosa Barcala.

Moitas xeracións de barcaleses medramos ó teu carón, coas túas troulas, co teu sarcasmo tan galego, coas túas falcatruadas, co teu carácter afable, coas túas bromas, coas túas risas...

Pequeniño, co teu pelo branco e o sorriso nos beizos, afable, agarimoso, sentimental, trouleiro, loitador, optimista, amigo dos teus, amante da terra,... así te lembraremos para sempre en Barcala.
En tódolos barcaleses deixas unha pegada importante. Un cacho de Barcala morreu contigo aquel 13 de agosto.

Amigo, levarémoste para sempre no noso corazón. Ti foches un lazo de unión entre nós e seguiralo sendo sempre.

Xamais esquenceremos o teu sorriso nos momentos de loita coa longa enfermidade a que lle foches gañando batallas e aquelas verbas de ánimo que ti nos dabas a nós. Esa forza que tiveches ata o último momento e que nos contaxiaches a todos os que che rodeamos.

Terémoste sempre presente en tódalas festividades que organice a AA.VV “A Barcalesa” pola que ti tanto loitaches e tanto traballaches coma socio, coma Presidente nos anos 90 e coma Vicepresidente estes últimos anos do teu estadío terrenal.

Cada festa de reis, cada sardiñada de San Xoán, cada Festa do Socio, cada actividade que se organice e cada traballo que se faga estarás con nós dende o ceo onde seguro que xa atopaches eses grandes amigos de Barcala que partiron antes nesta particular viaxe. De seguro que estarás tomando uns viños con Ardeiro e Joseíto Pensado, grandes amigos teus e desta terra barcalesa.

Vai por ti amigo! Vai por aqueles días de troula que pasamos en Pau de Raposo grazas ás túas verbas, ós teus chistes, as túas anécdotas reais, ás túas ideas para argallar cousas pola parroquia, ás festas e as tristezas que pasamos xuntos.

A túa imaxe sempre estará presente en Pau de Raposo e en Barcala nas mentes e nos corazóns de tódolos veciños, dende os máis vellos que notan cada día a falta daquel veciño agradable, simpático e cariñoso que os ía visitar, ata os máis nobos que recordamos como nos paseaches de pequenos, comos nos levaches da túa man a coñecer a historia de Barcala e aquelas anécdotas que só ti sabías contarnos.

Aínda que non esteas físcamente connosco sempre estarás presente en nós, nos nosos corazóns, no noso pensamento. Sempre haberá un recuncho no teu ben querido Colexio de Barcala adicado a ti. Vai por ti amigo!

1 comentario:

  1. juan sempre recordarei cando iba contigo a muitos sitios pero sobre todo recordarei o primeiro ano que fun contigo na carroza ese ano foi o mellor da miña vida porque estavas ti ali para protexerme e coidar de min. este ano sen ti non foi o mesmo porque ti non estavas , juan desde ai do ceo quero que sepas que te levarei senpre no meu corazon e nos meus pensamentos.SEMPRE TE RECORDAREI JUAN VARELA .DE PARTE DA TUA AMIGA AITANA

    ResponderEliminar